Clube Deportivo AS PONTES
C.D. AS PONTES - Historia

 

 

 

CLUB DEPORTIVO AS PONTES

 
 
ANTÓN FERREIRO
 
 
FUNDACIÓN E NOMES DO CLUB
 
         Anque o fútbol en As Pontes xa se practicaba dende os anos trinta (CLUB DEPORTIVO “PUENTES, de 1933 a 1960), non foi ata 1960 cando se federou o primeiro club da localidade. Foi o 28 de setembro dese mesmo ano cando pasa a denominarse  CLUB FÚTBOL CALVO SOTELO, nome da empresa de entón (electricidade, abonos e fertilizantes).
         O 12 de xullo de 1973 tomou a denominación de CLUB DEPORTIVO ENDESA, ó adquirir o complexo industrial a Empresa Nacional de Electricidad S.A. O 15 de decembro de 1982 engádeselle o nome da vila, CLUB DEPORTIVO ENDESA-AS PONTES, e o 9 de xuño de 2002 recupera o seu nome, CLUB DEPORTIVO AS PONTES. É un dos históricos do fútbol galego.
 
UNIFORMIDADE
 
         Nun principio a súa vestimenta oficial foi camisa branca e roxa a raias verticais, pantalón azul e medias roxas con volta de branco. Na temporada 1966/67 cámbiase pola de camisa e pantalón azuis e medias azuis con volta de cor branco.
         Na temporada 1983/84 a uniformidade oficial pasa a camisa azul, pantalón branco e medias azuis con volta de branco. Na temporada 2001/02, tómase como vestimenta a camisa roxa, pantalón azul escuro e medias roxas. Na temporada 2007/08 recupérase a vestimenta azul e branca.
 
PALMARÉS
 
         O máximo teito deportivo do club foi na temporada 1991/92 ó clasificarse en cuarta posición do grupo primeiro de Segunda División “B” e xogar a fase de ascenso a Segunda “A”. Foi campión de terceira división en dúas temporadas (1986/87 y 1994/95); en varias quedou subcampión, así como nos primeiros anos foi campión da primeira categoría rexional e subcampión galego de afeccionados en dúas ocasións.
         Ten no seu haber a copa de Galicia 1968 e participou nove temporadas na segunda división “B”, doce en terceira división e vintesete en categoría rexional.
 
 
 
 
 
         Nos seus corenta e oito anos de historia (de 1960/61 a 2007/08) disputou 1.772 partidos de competición oficial, dos que gañou 774, empatou 454 e perdeu 574, marcando 2.699 goles e recibido 2.174.
 
CAMPO DE XOGO
 
         Os primeiros encontros oficiais xogáronse no vello Campo da Feira, onde está hoxe o parque municipal e a casa do concello, pasando logo ó da “Academia”. Asiña pasou a xogar no novo campo do “POBOADO”, que ten unhas dimensións de 100 por 70 metros e unha capacidade para 3.000 espectadores (1.200 sentados). Ten pista para a práctica de atletismo. Ademais, hai cinco campos máis, todos de herba, onde xogan os equipos de base da entidade.
         Foi inaugurado o 18 de xullo de 1961 disputándose un partido amigable entre o Calvo Sotelo e o desaparecido Arsenal de Ferrol (2-1). Conta con alumeado artificial e estas instalacións deportivas están consideradas como unhas das mellores de Galicia. Como anécdota hai que sinalar que no Mundial 1966 de Inglaterra a selección española a piques estivo de facer a súa preparación en As Pontes, dadas as boas instalacións deportivas; pero, o non haber hoteis a selección fixo a preparación en Santiago.
         As oficinas do club están no propio campo. Dirección: Apartado postal nº 30, 15320 AS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ (A Coruña), teléfono/fax: 981.451068.
 
EQUIPOS DE BASE
 
         Unha das principais actividades do club é a de promocionar este deporte entre os rapaces. Dispón de equipos nas categorías pre-benxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete exuvenil (que a pasada temporada estivo na División de Honra) que compiten nas primeiras categorías galegas, cun total de 150 rapaces, e que ano tras ano logran títulos de liga e copa. Este ano creouse o equipo feminino, que participa no grupo primeiro da liga galega.
 
PRESIDENTES
 
        O primeiro presidente do club foi Ramón Tobar Ochoa de Alda, que estivo as dúas primeiras temporadas (60/61 y 61/62). Seguiulle Fernando Alarcón Hernández (12 temporadas, desde 1962/63 a 1973/74)). En 1973 pasa a presidir a entidade Lucio Rubio de Antonio (1974/75), despois Juan Manuel Cabal García (1975/76 e 1976/77), Luis Soto Soria (tres, 1977/78 a 1979/80)), Ricardo Barredo González (catro, 1980/81 a 1983/84), Fermin Gil Alonso (tres, 1984/85 a 1987/88).
O desaparecidoConstantino Parajón Parajón, que con anterioridade fora vicepresidente, faise cargo da presidencia do club en 1988 (once temporadas e media en tres etapas, 1988/89 a 1991/92, 1993/94 a 1995/96 e 2000/01 ata maio de 2005). Francisco Dasilva Bello (cinco, 1992/93 e 1996/97 a 1999/00). Dende maio de 2005 é presidente Xaime Castro Paz.
 
RESUME POR CATEGORÍAS
 

CATEGORÍA
TEMPORADAS
SEGUNDA DIVISIÓN “B”
9
1987/88, 1988/89, 1989/90, 1990/91, 1991/92, 1992/93, 1995/96, 1996/97, 1997/98
TERCEIRA DIVISIÓN
12
1964/65, 1966/67, 1967/68, 1984/85, 1985/86, 1986/87, 1993/94, 1994/95, 1998/99,    1999/00,     2000/01,     2001/02
SERIE “A” REXIONAL
REXIONAL PREFERENTE
20
1960/61, 1961/62, 1962/63, 1963/64, 1965/66, 1968/69, 1969/70, 1970/71, 1971/72, 1973/74, 1974/75, 1981/82, 1982/83, 1983/84, 2002/03, 2003/04,   2004/05,     2005/06,    2006/07,     2007/08  
PRIMEIRA REXIONAL
3
1978/79, 1979/80, 1980/81
SEGUNDA REXIONAL
4
1972/73, 1975/76, 1976/77, 1977/78
TOTAL
48
TEMPORADAS

 
 
A VILA DE AS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ
 
As Pontes de García Rodríguez é unha vila de 10.210 habitantes (o concello ten 11.692 y 249 km2) que está situada ó NE da provincia da Coruña. Debe o seu nome ó seu fundador, o conde García Rodríguez de Valcárcel, que construíu en 1376 o castelo (hoxe desaparecido) e a ponte sobre o río Eume, á que se chamaría “Ponte de García Rodríguez”. De aí o seu nome actual.
É a capital da comarca do Alto Eume e os seus habitantes viven da agricultura e principalmente da industria. Nas proximidades da vila está o xacemento de carbón (lignito) a ceo aberto (que será pechado a finais de 2007) e a central térmica de 1400 MW de ENDESA (a súa cheminea ten unha altura de 356,60 metros). A finais deste ano entrará en funcionamento a nova central de ciclo combinado (gas) de 800 MW.
As Pontes está irmandada con LESNEVEN (Bretaña) dende 1991 e con CARMARTHEN-CAERFYRDDIN (Gales) e ARROYO NARANJO (Cuba), dende 2002. Tódolos anos realízanse encontros de cidadáns europeos, nos que hai conferencias, actos oficiais e actividades culturais e deportivas. Dende 1991 levan participado nestes encontros de cidadáns europeos máis de mil cincocentas persoas.
Ten unha intensa actividade cultural, deportiva e social, con cerca de cen asociacións e entidades. Son moi coñecidas as súas festas patronais no mes de xullo (Nª Sª do Carme e Santiago). A romaría da Fraga (25 de xullo, Día Nacional de Galiza) está declarada de interese turístico. O domingo de entroido celébrase a “Feira do Grelo” e o un de novembro a “Feira de Fungos e Cogomelos”. Son famosas os seus manteigados e polvoróns, doces típicos da comarca.
 
Outubro 2008
 
Hoy habia 14 visitantes¡Aqui en esta página!
Web oficial de C.D. As Pontes
Este sitio web fue creado gratuitamente con PaginaWebGratis.es. ¿Quieres tener tu propio sitio web?
Regístrate gratis